Friday 17 de May de 2024

O Concello da Pobra tramitará os expedientes sancionadores polo incumprimento da “Lei de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia”


O Concello da Pobra do Caramiñal tramitará os expedientes sancionadores que afectarán ás persoas
propietarias dalgunhas parcelas polo incumprimento da xestión da biomasa á cal obriga a “Lei 3/2007, de 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia” no que respecta ao solo urbano, urbanizable e de núcleo rural.
Así mesmo, tamén se lles aplica a aqueles terreos que se atopan no solo rústico dentro da franxa de 50 metros perimetrais ao límite do solo urbano, urbanizable e de núcleo rural, enviándose varios expedientes á Consellaría do Medio Rural para que continúe co procedemento, ao se-la institución con competencia para sancionar nestes casos.
As persoas titulares de parcelas dentro do solo urbano, urbanizable e de núcleo rural están obrigadas, así como nas franxas perimetrais de 50 metros ao redor destas, a efectua-la xestión da biomasa no prazo voluntario que se estipula cada ano, concretamente, ata 31 de maio. Neste 2020, debido á situación sanitaria derivada da COVID-19, o dito prazo prorrogouse ata 16 de xullo. A lei permite requirir antes ou despois deste prazo a xestión da biomasa cando se solicita de oficio ou por outra persoa interesada, por causas motivadas e xustificadas.
En canto á vexetación, non se permiten os piñeiros, eucaliptos, xestas, toxos e silvas, exceptuando os loureiros, carballos, castiñeiros e outras frondosas. Outras árbores que se exclúen desta disposición son aquelas que se empregan para a xardinaría (tuias, cipreses etcétera), froiteiras de calquera tipo ou as que
non teñen continuidade cunha masa forestal, están illadas e non representan risco de incendio. Nestes últimos casos, a solución dos problemas entre lindantes debe ser a través do dereito civil.